Arxila polimerica

Como podedes ver, moitos dos traballos que aparecen no catálogo de CHB están feitos, en todo ou en parte, con arxila polimérica.

Inda que na Rede podedes atopar un feixe de información sobre esta arxila, imos facer aquí un rápido resumo sobre ela.

A arxila polimérica é unha arxila especial feita industrialmente (non se pode fabricar de forma caseira) a base de policloruro de vinilo, un material habitualmente empregado en multitude de obxectos de uso cotián.

 

É unha masa flexible parecida a outras moitas como a popular plastilina, pero con características especiais. Por exemplo, mentres que moitas plastilinas ou arxilas secan soas á intemperie e non quedan demasiado consistentes, a arxila polimérica hai que forneala e, unha vez convenientemente forneada (curada), remata por adquirir unha dureza considerable.

Ademais da dureza, á arxila polimérica non lle afecta a auga nin a humidade, o que permite que as pezas feitas con este material sexan moi duradeiras.

Unha vez que esta arxila foi ben curada, permite un amplo abano de posibilidades para o seu acabado: pódese gravar, taladrar, lixar, pulir, pintar, vernizar...

 

A arxila polimérica podemos atopala á venta baixo diferentes marcas e de diferentes tipos.

Marcas como: Sculpey, Fimo, Kato ou Cernit son recomendables. Hai incluso arxilas chinesas e de marcas “raras” que é preferible non mercar porque adoitan ser de peor calidade.

Dentro das marcas citadas hai todo un mundo de variedades: diferentes cores e cores especiais (translúcidos, metalizados, brillantes, mates, etc., etc.)... diferentes durezas (tanto para manipulalas en cru, como no resultado final).

As formas de traballar coa arxila polimérica creo que son, como mínimo, todas as que a imaxinación permita: pódese modelar á man, e/ou con ferramentas... pódese utilizar con moldes para sacar pezas ou formas “clonadas”... pódese deixar coas cores orixinais da arxila ou pintala, incluso unha mistura das dúas... pódese pulir, vernizar... pódense pegar pezas entre si...

Con todo este arsenal de posibilidades é fácil entender que se poden abordar infinidade de proxectos con este material: figuras, pezas e utensilios, adornos, bixutería, imitación de múltiples materiais (pedras, metais, madeiras, coiros, follas, flores). En fin... que o límite está só en ti.

 

Arxila polimerica2
 

As ferramentas que se necesitan para esta actividade non son moitas (inda que poden chegar a selo co tempo e as necesidades), nin tampouco son unha ruína.

A parte da propia arxila, é necesario un forno para curala (endurecela). O mellor disto é que nos serve o forno eléctrico da casa xa que, a arxila polimérica, cócese a unha temperatura baixa (uns 130º centígrados). Como non é tóxica por debaixo desas temperaturas, con ventilar un pouco o forno despois da cocción é suficiente para poder cociñar alimentos de novo nel.

Podemos utilizar moldes (incluso dos de cociña, para facer galletas, pasteis, etc.) para recortar as formas que queiramos. Utilizar cortadores como coitelos, coitelas, cutters ou semellantes, para cortar a pasta (lembremos que, en cru, é moi parecida na textura e na dureza á plastilina común).
Un rolete de amasar (non de madeira) tamén é bastante necesario.

Despois de curada (forneada), xa falamos dunhas cantas posibilidades de acabado. En función diso, necesitaremos lixas, pinturas, vernices, etc.

Como xa dixen ó principio, isto non pretende ser un manual senón, mais ben, un aperitivo.

A quen lle guste “facer cousas coas mans”, eu recoméndolle que probe a facer cousas con esta arxila. De seguro quedará enfeitizado cos resultados obtidos e co desfrute dese tempo de “traballo”.


Se tes algunha dúbida, curiosidade ou similar, xa sabes... coméntame ;-)